Contos Estraños nº 2 ‘Xornada Fantástica’ (1ª parte)

Toca hoxe facer unha parada no terceiro dos volumes da revista Contos Estraños (se seguides esta viaxe desde o principio, saberedes que é o número 2), titulado ‘Xornada Fantástica’ e dedicado ao legado de J.R.R. Tolkien. Se sodes amantes do xénero da fantasía épica, o título evocará nas vosas mentes as imaxes de bravos guerreiros montados nos seus corceis ou, mesmo, o brazo musculado de Conan acernando cabezas coa súa espada e a Belit, a raíña da Costa Negra, capitaneando o Tigresa. Si, todas esas escenas bucólicas, violentas e románticas que acontecían nese espazo de tempo entre anoitecer e anoitecer, cando as personaxes desas salvaxes aventuras se reunían ao redor dunha fogueira e daban por rematada a xornada, a beberen e a riren por teren sobrevivido un día máis.

A portada, nesa ocasión, foi obra de José Serrano que, como el mesmo explicaba no limiar, escolleu o ‘Gran Trasgo’ de O Hobbit para a súa ilustración.

O ‘Volume 2 – Xornada Fantástica’ estaba composto por:

Os últimos de Landeiras – Xosé Duncan

O val dos espíritos – Héctor Paz

Produtos Chitk’nosh – Jacobo Feijoo

Solsticio de verán – O Kuruñés (Manuel Moledo)

A Mastélida – Roberto A. Rodrigues

Concedido – Lois Z

A estúpida existencia de Victoria Expósito – Maruxa Martínez

Só un mal día – Manuel Castiñeiras

Esperanza – Saulo R. Mars

E mais as novelas por entregas:

A cabalgata dos centauros (1ª parte) – Manuel Gayoso

A revolta dos esfarrapados (1ª parte) – Fernando Pérez

Dark (3ª parte) – Ernesto Diéguez

E no apartado de tradución:

A raíña da Costa Negra (1ª parte) – Robert E. Howard

 

Como xa é tradición nestes artigos, eis a nosa charla con dous dos autores:

 

Quen es e que relación tes coa literatura?

Manuel Moledo (MM): A mellor relación que pode ter unha persoa que ama, desfruta, venera, unha arte. Toda a vida encantoume ler, de neno era a miña afección favorita e, cos anos, non mudei de opinión.

Lois Z (LZ): Son un ourensán nacido no 81, biólogo e residente en Santiago. A miña evolución de lector a autor foi gradual e moi espallada no tempo. Non houbo un momento concreto no que decidira ser escritor, simplemente ó botar a vista atrás dinme conta do tempo que lle estaba adicando a escribir e o que desfrutaba facéndoo.

Ata hoxe levo una boa chea de anos escribindo relatos, cun par de concursiños por aí ganados e uns cantos relatos publicados en varias antoloxías. Nada do outro mundo.

Tamén gusto de escribir sobre literatura, concretamente críticas ou comentarios (non recensións) de cousas que leo. Normalmente non son recibidas con moito agarimo.

Por que enviaches un relato a Contos Estraños?

MM: A verdade? Por probar. Quería saber se sería capaz de pasa-lo filtro. No fondo, penso que tras cada gran lector hai un pequeno escritor que lle gustaría saír do armario. Así que tan pronto souben da da posibilidade, mandei. Ademais o tema resultábame interesante; non son moito de fantasía, gústame máis a ci-fi, porén, en “Solsticio de Verán” tiña un certo substrato acumulado ao que lle dar saída, tanto das lecturas de fantasía ou lendas celtas de toda a vida, como dos contos que me contaban de rapaz na aldea (nacín por Outes).

LZ: Un amigo faloume da existencia de Contos Estraños e animeime a enviar algo. Unha das razóns polas que me animei foi porque era una publicación en galego. Participar nunha antoloxía de relato fantástico en galego soaba moi ben, molábame o asunto. Era máis atractivo que o típico concurso de relatos, e amosaba uns resultados palpables e, a priori, máis honestos que os de entregar un premio a un autor de entre cincocentos.

Que era o que esperabas acadar coa publicación do relato? Acadáchelo?

MM: A publicación en si mesma. Se o acadei? Obviamente si, e tamén algo máis. Acadei a convicción de que podía facer algo o bastante bo como para que fose valorado, o que me animou a seguir.

LZ: Pensaba que podía ser un comezo de algo maior. A un relato podería seguilo outro, e logo outro, e logo, talvez, unha novela. O que non me esperaba foi o que me atopei cando lin o volume publicado. Non podía entender a publicación duns relatos dun nivel tan baixo (salvaría dous daquel volume). Estaba bastante arrepentido de ter participado. Era iso o mellor que podiamos ofrecer? O libro dábame rabia e vergoña. Merqueille un exemplar aos meus pais porque xa lles falara do libro, polo demais borrei todo recordo del da miña memoria.

Dinlle moitas voltas ó asunto por aquel entón. Ademais, cadrou que discutira cos editores porque non quixeron incluír a ilustración que acompañaría ó meu relato. Ó parecer o meu colega non tiña suficiente renome como para merecer un oco no libro: era mellor deixar en branco o seu espazo. Despois resultou que os ilustradores pro abandonaron o barco porque non querían currar gratis (ou iso me contaron). En fin, estoume desviando.

Co tempo decateime de que estaba xulgando Contos Estraños dende una perspectiva errada, inxenua. Contos Estraños non era un concurso de relatos (nin moito menos de talentos). Contos é unha churrascada entre descoñecidos ós que unen uns mesmos intereses (uns intereses tristemente minoritarios, por certo). É una pulpada entre escritores galegos de fantasía. Eles non tiñan nada de malo, non facían nada malo. Era eu o que sobraba, en realidade, o que non pintaba nada alí con esas ideas digamos, tan “clásicas” sobre o que debe ser un libro publicado. Que os relatos de Contos sexan mellores ou peores, bueh, é o de menos, a fin de contas, quen os le? O importante é que van, cantos? 9 volumes? E iso xa é curriculum, amigo, ese é o premio palpable que debín perseguir dende o principio. E ademais as portadas molan. Si, ó final entendino. Ó final saquei algo de todo isto, non o que pensaba pero si algo bo. Por iso un par de anos máis tarde volvín enviar un relato a Contos.

Que había, como autor/autora, antes de Contos Estraños?

MM: Algún pequeno concurso e publicacións dixitais.

LZ: Contos non me cambiou a vida como autor, se é iso o que preguntas.

Que houbo despois?

MM: Moitos máis relatos, unha novela de ci-fi steampunk “As aventuras de Margaret White” (ando a traballar na segunda parte), unha novela coral 2.0 “Tiempo de Héroes”, un pequeno cómic tamén a varias mans que sairá en breve, “Nihil”; a segunda parte de M. White que anda no forno, e unha novela ci-fi que teño na cabeza desexando ser parida. Tamén sentarme a carón de grandes escritoras e escritores, algún dos cales mesmo eran personaxes que xa admiraba cando neno.

Vamos, unha chea de cousas. Iso e o orgullo de facer país. Sinto unha gran satisfacción cada vez que penso que contribúo, modestamente, a que haxa un pouso pulp na literatura galega.

LZ: O tempo pasou de igual maneira que tería pasado. A experiencia serviume, iso si, para entender mellor o sentido práctico da literatura, para saber que hai unha imprenta na rúa de abaixo e para acoplarme ó grupo de rol de Botana. Pero si lle vou conceder algo importante a Contos: deume máis ganas de publicar cousas en galego. Ese é para min o maior mérito de Contos, a defensa da lingua e da nosa identidade.

_____________________________________________________

A nosa viaxe polas Crónicas Pulpeiras continuará dentro de quince días para levarnos até a segunda parte desta ‘Xornada Fantástica’. Velaquí unha foto da presentación deste número no Parque de Bonaval no verán de 2012.

Espalla o mal

Deixa unha resposta