Convocatoria número 13

Abrimos unha nova convocatoria para que nos fagades chegar os vosos relatos, poemas e ilustracións, que formarán parte do novo volume da revista Contos Estraños, “Visitantes de alén da morte“. A nosa procura desta volta vai dirixida a textos e debuxos enmarcados dentro do tema dos aparecidos, pantasmas, casas encantadas, mediums, ouijas e demais fauna e flora que teña algo que ver con esas almas en pena que se resisten a abandonar a nosa compaña despois de mortas.

 

Se algunha vez pensastes que por xogar coa velocidade de obturación da vosa cámara e mover moi rápido a cabeza, iades parecer fantasmas… cometedes o mesmo erro que Duncan.

Iso si, esa parvada converte os vosos textos en firmes candidatos a entrar na selección dos visitantes de alén da morte.

Podedes enviar os relatos, poemas e ilustracións até o

15 de Marzo ás 23:59

BASES DE PARTICIPACIÓN

Os relatos e poemas deben estar escritos en galego.

Enviaranse en formato OpenOffice, LibreOffice ou Word ao correo electrónico:

revistacontosestranhos@gmail.com

baixo o asunto: “Contos Estraños – volume 13”.

 

TEXTOS:

Cada relato disporá dun espazo de entre 5000 – 8000 palabras, mentres que no caso dos poemas marcaremos un rango de entre 20 – 150 versos. Podes usar ese espazo como gustes, cun só relato/poema ou con varios, mais deberá cumprir o mínimo de palabras (5000) ou de versos (20).

Cada relato/poema debe ir acompañado dunha presentación da túa vida e obra (prégase o uso do humor e do frikismo para a devandita presentación) de non máis de seis liñas de texto e unha foto que, tamén, sexa unha oda á falta de vergoña (iso si, que poida ser editable). Ambas as dúas cousas, a bio e a foto, serán a túa carta de presentación na revista.

Os relatos e poemas deben ser orixinais, nunca antes publicados (publicacións electrónicas non contan).

 

ILUSTRACIÓNS:

As ilustracións terán o seu propio espazo e lugar na revista polo que deberán ser obras autónomas e non irán supeditadas nin a un relato nin a un poema.

 

EXEMPLARES:

As persoas seleccionadas recibirán un exemplar independentemente do número de relatos, poemas ou ilustracións realizadas, así como un desconto do 40% para a adquisición de exemplares que poderán comercializar pola súa conta.

Espalla o mal