Entrevista a Lúa Campos

Hoxe é a quenda de Lúa Campos (podedes consultar o seu blog Natura Enigmata), unha artista multimedia que xa colaborara na nosa revista nos volumes de Lendas de Gallaecia, Verbas de Atenea e Segunda Era. Aquí tedes o que nos quixo contar na entrevista que lle facemos ás nosas almas ímpias.

Quen es e que relación tes coa literatura e, sobre todo, no eido da fantasía?

Son Lúa Campos. A miña relación coa arte é de atracción fatal e supoño que vai escrita nalgunha instrucción do meu ADN, xa que forma parte da miña personalidade. Sempre me deixei levar pola imaxinación e dende que aprendín a xuntar verbas e interpretar imaxes tratei de escribir e pintar o que pensaba e observaba. O que pasa é que o que observo e penso moitas veces non existe (ao menos neste plano da realidade), por iso acudo moi a miúdo a ese reino de fantasía onde todo é posible.

Por que enviaches un relato a Contos Estraños?

Porque me parece unha bonita relación de simbiose (ao igual que o meu poema). Creo que hai que apoiar un proxecto valente que aposta polos autores que camiñamos polo lado escuro da literatura. E por suposto tamén porque vos coñezo dende hai tempo e penso que o facedes ben..

Cales son os teus gustos literarios e artísticos?

O que máis me engancha é un argumento bo e a forma de narralo, con persoaxes ben desenvolvidas. Que haxa misterio, intriga, terror ou fantasía, algún romance e boa ambientación nalgún lugar do mundo ou nalgún momento do tempo. Entón convértome nunha personaxe e síntome parte da trama. Tamén valoro moito aprender ao mesmo tempo que me entreteño lendo..

Cal é a túa opinión da situación actual da literatura galega?

Creo que a situación actual é complicada (non só no ámbito artístico e non só en Galicia). Estamos a vivir unha época de cambios económicos, sociais e culturais e tamén resultamos afectados os pobres autores que queremos dar a coñecer a nosa obra nestes tempos. Internet e os medios teñen máis peso que nunca, cos seus pros e os seus contras, pero ata tal punto que o potencial de ventas dun autor está considerado por riba do posible talento artístico, co cal o concepto de arte redefínese unha vez máis e pode que non para mellor…

Que pensas que se podería facer para mellorar dita situación?

Penso que para cambiar a situación o primeiro paso é que a sociedade sexa consciente de que hai que cambiar a situación. Actitude sempre necesaria e rebeldía se é necesario…

Que agardas acadar coa publicación do teu texto en Contos Estraños?

Dar a coñecer a miña obra e obter a posibilidade de publicar máis cousas nun futuro, se é posible tamén en solitario…

Algún comentario con toda liberdade?

Desexarnos moita sorte con este novo número.

Espalla o mal