Entrevista a Xurxo Esquío

Xurxo Esquío participa no número 11 da nosa revista, ‘A rebelión de Prometeo’, cunha satírica crítica ás relixións e á dependencia do sistema da súa existencia para maior control da sociedade, O nacemento dos deuses. Isto que tedes a continuación é a entrevista que facemos de xeito voluntario ás novas incorporacións da nosa familia estraña.

 

 

 

 

 

 

 

Quen es e que relación tes coa literatura e, sobre todo, no eido da fantasía?

Son Xurxo Esquío, e desde os nove anos, que comecei a ler a Emilio Salgari e Os Cinco, quedou inaugurado o meu interese literario. No eido fantástico a miña porta de entrada foi O Hobbit, que caeu nas miñas mans con trece anos.

Por que enviaches un relato a Contos Estraños?

Escoitara falar da publicación dende hai uns anos, e preguntábame que había que facer para publicar nela. Este ano tiven a sorte de coñecer a alguén que me avisou da convocatoria e tal, e guindeime de cabeza, xaora.

Cal son os teus gustos literarios/artísticos?

Pois son amplos, cinguíndome ao eido literario, podo ler e gozar con case que calquera cousa, non necesariamente fantástica. En todo caso, os meus preferidos son autores de finais do século XIX comezos do XX: Bram Stoker, H.G. Wells, Tolkien…e sobre todo o inmenso H.P. Lovecraft. Despois son un melómano empedernido, aínda que o rock (rock, punk, hc, stoner, metal….) é meu estilo preferido.

Cal é a túa opinión da situación actual da literatura/ilustración galega?

Do eido da ilustración non podo dicir nada, porque descoñezo. No tocante a literatura, aínda sendo un pouco autista co que pasa ao meu redor, teño a sensación que, ao igual que pasa coa música que si controlo máis o tema, aquí hai moito amiguismo, un eido moi endémico. Demasiado clasicismo tamén na maioría dos certames e premios, hai un mercado pequeno que se centra en manter aos que levan toda a vida nisto, e non en apoiar a novos valores, é a miña opinión.

 Que pensas que se podería facer para mellorar dita situación?

Pois sinxelamente ser máis obxectivos e máis abertos. Abandonar o sectarismo e o amiguismo. Dar cabida ás novas xeracións en todos os ámbitos literarios e, por suposto, contar cun goberno que,  xa que non apoia a cultura galega, polo menos non tente afundila.

Que agardas acadar coa publicación do teu texto/ilustración en Contos Estraños?

Pois de entrada un número da revista de balde e o orgullo de publicar xunto con xente de moita valía, isto xa é moito. A partir de aí o que veña, que supoño que será que máis xente saiba que hai un tipo cun nome risíbel que escribe historias.

Algún comentario con toda liberdade?

O nome da revista nun país como Galiza vén moi a conto porque aquí, nesta terra, hai moitos contos estraños, como que estando como estamos, continúe gañando eleccións o Pp, un dos grandes soterradores da cultura (galega, neste caso).

Espalla o mal