Porque os poetas tamén son seres humanos, publicamos hoxe a nosa entrevista ‘tipo’ a Miguel Ángel Alonso Diz, quen colaborou no número 11 da revista ‘A rebelión de Prometeo’ co seu poema Epitafio dun deus.
Quen es e que relación tes coa literatura e, sobre todo, no eido da fantasía?
Son un eterno aprendiz, un buscador, un soñador que vive o seu soño. Bo lector dende moi novo; escritor dende que volvín nacer hai uns anos. No eido da fantasía son un dos moitos lectores de J.R. Tolkien, Terry Pratchett, Michael Ende e H.P. Lovecraft entre outros.
Por que enviaches un relato a Contos Estraños?
Porque valoro moito o traballo que realizades, xa que cubrides un oco moi necesario na nosa literatura. Gocei moito da lectura dos libros de Fernando M. Cimadevila. Ademais ilusióname ser unha pequena parte da historia de Contos Estraños.
Cales son os teus gustos literarios e artísticos?
Poesía, relato, narrativa. teño gustos moi variados.
Cal é a túa opinión da situación actual da literatura galega?
Existe unha gran calidade e numero de escritores e escritoras na nosa lingua. Gozamos dende ese punto de vista de boa saúde. Outra cousa é o número de lector@s en lingua galega. A situación da nosa lingua, en claro retroceso, fai que cada vez sexa máis difícil atraer a novos lector@s. Considero que iniciativas como a vosa son moi importantes porque poden conectar con ese lectorado xuvenil, adolescente. Respecto os ilustradores e ilustradoras podo dicir o mesmo. Galicia é unha muller preñada de talento. Hai un nivel moi bo.
Que pensas que se podería facer para mellorar dita situación?
O que están facendo moitas editoriais e autor@s: ofrecer libro en galego de gran calidade tanto na escrita como na proposta visual. Boto en falta un maior apoio por parte das institucións públicas. Creo que, entre outras cousas, son necesarias campañas de concienciación sobre o uso da lingua dentro da familia.
Que agardas acadar coa publicación do teu texto en Contos Estraños?
O pracer de ser parte desta aventura.
Algún comentario con toda liberdade?
Seguide traballando, por favor.