Convocatoria volume 12

Abrimos unha nova convocatoria para que nos fagades chegar os vosos relatos e poemas, que formarán parte do novo volume da revista Contos Estraños, “Visitantes de alén da lúa“. A nosa procura desta volta vai dirixida a textos enmarcados dentro do tema dos contactos con seres extraterrestres. Non é preciso que sexades especialistas en motores de fisión atómica nin que entendades á perfección como funciona a espada láser de Obi-Wan, o que queremos son textos que narren o impacto, o abraiao e o asombro de se atopar, cara a cara, con algo que proveña doutro mundo.

 

Se algunha vez vos puxestes un cornete de papel de aluminio na cabeza coa intención de que non vos lesen a mente, se en ocasións vedes eses estraños círculos cos que estragan as leiras de millo, entón, xente impía, preparádevos para captar os sinais dos visitantes de alén da lúa.

 

 

Podedes enviar os vosos relatos, poemas e ilustracións até o

1 de Marzo ás 23:59

 

BASES DE PARTICIPACIÓN

Os relatos e poemas deben estar escritos en galego.

Enviaranse en formato OpenOffice, LibreOffice ou Word ao correo electrónico:

revistacontosestranhos@gmail.com

baixo o asunto: “Contos Estraños – Relatos – volume 12”.

 

TEXTOS:

Cada relato disporá dun espazo de entre 5000 – 8000 palabras, mentres que no caso dos poemas marcaremos un rango de entre 20 – 150 versos. Podes usar ese espazo como gustes, cun só relato/poema ou con varios, mais deberá cumprir o mínimo de palabras (5000) ou de versos (20).

Cada relato/poema pode ir acompañado dunha presentación da túa vida e obra (prégase o uso do humor e do frikismo para a devandita presentación) de non máis de 300 palabras, que contarán no cómputo xeral das 8000 palabras límite (no caso dos relatos). Se se presentan varias obras e estas superan o máximo de palabras 8000, debe especificarse a orde pola que che gustaría que fosen incluídos.

Os relatos e poemas deben ser orixinais, nunca antes publicados (publicacións electrónicas non contan).

 

ILUSTRACIÓNS:

As ilustracións terán o seu propio espazo e lugar na revista polo que deberán ser obras autónomas e non irán supeditadas nin a un relato nin a un poema.

 

EXEMPLARES:

As persoas seleccionadas recibirán un exemplar independentemente do número de relatos ou ilustracións realizadas, así como un desconto do 40% para a adquisición de exemplares que poderán comercializar pola súa conta.

Espalla o mal