Entrevista a Alba Rozas Arceo

Alba Rozas Arceo participa no número 11 da nosa revista, ‘A rebelión de Prometeo’, cun exquisito relato de fantasía épica, A dama do corazón negro. Isto que tedes a continuación é a entrevista que facemos de xeito voluntario ás novas incorporacións da nosa familia estraña.

Quen es e que relación tes coa literatura e, sobre todo, no eido da fantasía?

Son Alba Rozas Arceo e a miña relación coa literatura vén da infancia, cando as miñas dificultades e o meu desinterese pola lectura derivaron no regalo dun feixe de libros de corte fantástica que lle deron a volta e ensancharon as fronteiras do meu mundo. Acabei sabendo ler ben e querendo ler moito. Este último desexo traduciuse nunha Licenciatura en Filoloxía Galega e noutra en Filoloxía Hispánica, nun mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura e nun doutoramento en curso tamén sobre literatura. O querer pola fantasía derivou ademais en varios artigos académicos sobre O Hobbit e o espazo en que se desenvolve a produción de J. R. R. Tolkien. Para min a fantasía é o único xénero literario no que todo é posible e nunca sabes que podes atopar.

A fantasía ten a emoción e a intriga dos soños nocturnos.

Por que enviaches un relato a Contos Estraños?

Coido que todo escritor aspira a ver publicados os seus textos e dalos a coñecer ao público desde unha plataforma axeitada, que opere como mecanismo de presentación da obra suprimindo calquera estrañamento en relación ao contido. Neste senso, a revista Contos Estraños é das poucas publicacións en galego que dan cabida á fantasía épica máis orixinal, elaborada e de calidade. Se o público se achega a ela e á procura de relatos deste tipo, non hai necesidade de explicacións sobre forma ou contido. Ninguén que a adquira vai perderse en (pre)xuízos sobre os meus desvaríos mítico medievais castrexos. Non sei se me explico.

Cales son os teus gustos literarios?

Eu teño un fío persoal de gustos literarios e artísticos que considero moi definido, moi coherente. Concrétase nos animes de indiscutible protagonismo feminino que marcaron a miña infancia, Sailor Moon e Slayers, na literatura fantástica épica, sendo Tolkien e Steven Erikson (Steve Rune Lundin) os grandes mestres do xénero para min, co Señor dos Aneis e coa saga de Malaz O libro dos caídos respectivamente (aínda que mellor non entrar no papel das mulleres nas súas obras agora mesmo, que hai moito que dicir) e no metal en canto á música. De xeito máis preciso, o extreme power metal o folk metal e o heavy metal, cancións con letras de corte épico que invitan á loita e á aventura. Metal do bo, á marxe da súa repercusión comercial, para que te fagas unha idea, non se pode quedar varado ante un tema coma o de “Into battle” de Ensiferum ou o “Through the fire and flames” de Dragonforce.

E velaí vai a miña recomendación de hoxe. Xa paro.

Cal é a túa opinión da situación actual da literatura galega?

Ao meu ver, unha conta pendente é facer visible unha maior variedade de xéneros (narrativa e non só, aínda que, por suposto, penso na fantasía épica e de todo tipo, sobre todo para adultos ou non tanto para nenas/os) e de autores non consagrados. Se cadra tamén fai falla peneirar. Coma noutras linguas, todo o que se publica, á marxe das súas posibilidades comerciais ou do renome do autor, non ten por qué ser de incuestionable calidade. E non me refiro a limitar publicacións, senón a valorar con sentidiño, que como dicía Tolkien de Aragorn, nin é ouro todo o que reloce, nin toda a xente errante anda perdida. E con isto xa me despachei.

Que pensas que se podería facer para mellorar dita situación?

Creo que xa respondín na pregunta anterior.

Que agardas acadar coa publicación do teu texto en Contos Estraños?

É un comezo, un modo de amosar o xurdimento do meu mundo mítico, que é ben amplo e hai moito que se coce dentro do meu caletre. Teño moitas historias que contar del, pero se o gardo só para min é coma se nunca existira. Espero entón que non quede aquí a cousa, senón que a partir de aquí vaian saíndo novos contos ou mesmo unha novela. Por soñar que non quede, por escribir e tentar, tampouco.

Algún comentario con toda liberdade?

Quero aproveitar para darvos as grazas por esta oportunidade. A ilusión é inmensa.

Espalla o mal