Contos Estraños nº 2 ‘Xornada Fantástica’ (2ª parte)

Despois da primeira ‘Xornada Fantástica’, volvemos procurar refuxio ao redor da fogueira do noso campamento. Despediremos este volume centrado na fantasía épica facendo unha pequena reflexión e lanzando a pregunta, tan manida e repetida, de por que non hai máis fantasía épica en galego, sobre a Galiza, agromando forte e poderosa desa semente marabillosa que son os nosos mitos e lendas que forman parte de tod@s nós (máis ben dalgúns porque a mocidade urbana de hoxe en día deixa moito que desexar en canto ao respecto e o interese polas tradicións). Ben, non imos crear debate (máis que nada porque é case imposíbel crear debate nestas páxinas electrónicas) e centrarémonos no que nos ocupa.

Neste volume, despois da seca total do número 0 e da aparición de dúas no número 1, asoma outra autora entre a selección maioritaria de autores. Maruxa Martínez colaboraría noutros números de Contos Estraños e, ademais, coordinaría e participaría noutros proxectos colectivos que foron tendo lugar á beira da revista e que serviron para afianzar ese fenómeno crecente no que se estaba a converter a ‘Xeración Estraña’.

Lembremos que o ‘Volume 2 – Xornada Fantástica’ estaba composto por:

Os últimos de Landeiras – Xosé Duncan

O val dos espíritos – Héctor Paz

Produtos Chitk’nosh – Jacobo Feijoo

Solsticio de verán – O Kuruñés (Manuel Moledo)

A Mastélida – Roberto A. Rodrigues

Concedido – Lois Z

A estúpida existencia de Victoria Expósito – Maruxa Martínez

Só un mal día – Manuel Castiñeiras

Esperanza – Saulo R. Mars

E mais as novelas por entregas:

A cabalgata dos centauros (1ª parte) – Manuel Gayoso

A revolta dos esfarrapados (1ª parte) – Fernando Pérez

Dark (3ª parte) – Ernesto Diéguez

E no apartado de tradución:

A raíña da Costa Negra (1ª parte) – Robert E. Howard

Rematamos o diálogo cos autores e coa autora que nos faltaban deste volume:

Quen es e que relación tes coa literatura?

Maruxa Martínez (MM): Eu son Maruxa Martínez. Desde que podo lembrar sempre tiven algún tipo de vínculo coa arte. De feito, na área plástica son bastante interdisciplinar e gústame experimentar co que non coñezo. Pero o certo é que a literatura é a arte na que empecei antes e tamén na que me sinto máis desenvolta.

Saulo R. Mars (SRM): Pódese dicir que para min a literatura o é todo. É plasmar as miñas experiencias e soños sobre o papel. É facer realidade os soños que viaxan pola miña mente. Sinxelamente, é sacar eses mundos que todos levamos dentro para despois compartilos.

Por que enviaches un relato a Contos Estraños?

MM: Desde moi nova enviei textos a concursos literarios e, se ben algunha vez caeu algún premio, a idea de mandar manuscritos a editoriais do común era algo que non se me pasaba pola cabeza. Nos concursos os membros do xurado non saben quen es, iso quítalle ferro ao asunto, mais a min dábame moita vergoña ensinarlle os meus escritos a calquera persoa, mesmo aos máis achegados. Se me decidín a colaborar con Contos Estraños foi grazas a Fernando Cimadevila, que foi por quen souben do proxecto editorial e é alguén do que teño moi boa opinión como creador e como apaixonado do frikismo. A idea de montar Contos pareceume xenial e moi  necesaria, era como un soño. Hai que ter en conta que, naquel momento, ser friki en Galicia era complicado porque estabas obrigado a consumir en español e tiñas moi poucas opcións de publicar. Non dubidei en subscribirme no número 0 e darlles toda a visibilidade que puidese estar na miña man. Contos era un proxecto co que me sentín cómoda e identificada e ese é o motivo polo que participei.

SRM: Para min foi un momento especial. Non só polo feito de ver plasmado un fragmento do meu mundo sobre o papel, senón tamén por formar parte do elenco de autores galegos que estamos a conseguir que cando se fale de literatura todos miren cara a nosa terra como uns dos puntos vitais e neurálxicos da nosa literatura.

Que era o que esperabas acadar coa publicación do relato? Acadáchelo?

MM: Non sei o que esperaba exactamente, facíame moita ilusión publicar con eles. O meu debut en Contos foi bastante exitoso, a recepción do relato foi moi positiva. Lembro que velo maquetado a dúas columnas, coa bio e a ilustración foi algo que me impactou, foi emocionante.

SRM: Si, a miña meta co relato “Esperanza” foi conseguido na súa totalidade, xa que non tiña outra pretensión que compartir con todos os lectores e compañeiros de negro sobre branco un pequeno anaco dese mundo que levo no meu interior.

Que había, como autor/autora, antes de Contos Estraños?

MM: Como autora, no meu caso só compartía os escritos con dúas ou tres persoas antes de Contos, algo moi petit comité.

SRM: Traballo, tesón e soños. Sobre todo moitos soños que se viron feitos realidade, tanto en relatos como en novelas, sendo por esas fechas cando publiquei a primeira dunha saga na que aínda ando metido.

Que houbo despois?

MM: Despois o panorama foi moi distinto, pois coñecín a unha chea de xente con intereses afíns, con moitos deles compartín outros proxectos (Sombras no berce, Tebras na alma, Contos no nicho) e mesmo saíron de aí boas amizades. Tamén teño que dicir que colaborar con ilustradores é moi enriquecedor; no meu caso, José Luis Serrano Silva e Minia Regos fixeron uns debuxos que completan os relatos con moita forza, estareilles eternamente agradecida.

SRM: Todo un mundo que se abre ante todo aquel que sabe o que quere e onde buscalo. Isto só cho dá a experiencia e todas aquelas vivencias gozadas cos amigos que percorren a túa mesma senda.

_____________________________________________________

Ben, até aquí o volume dedicado á fantasía épica. Nas vindeiras semanas faremos un descanso na nosa viaxe polas Crónicas Pulpeiras para darlle cabida ao relato e ao gañador do noso I Certame de Relato Curto. Aínda así, non perdades o fío da nosa historia e gozade do verán tal e como a Xeración Estraña predica co seu exemplo 😉

Espalla o mal

Deixa unha resposta