Duncan en Recendo de Cuac FM

Somos xente con tendencia aos medios (de comunicación, enténdese) e que gustamos máis dun micrófono que un psicópata dunha motoserra. Por mor diso, e doutros motivos menos confesábeis, fomos onte convidados ao programa Recendo de Cuac FM. Para quen non o coñeza, é o magazine cultural radiofónico da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda que trata sobre cultura galega. Os culpábeis desta marabilla de programa son Roberto Catoira (técnico), Antonio Brea (técnico-locutor), Javier Pereira (produtor-locutor), Gema Millán (locutora), Marta López (locutora) e Manu Castiñeira (locutor).

Grazas ao seu interese pola cultura galega e, supoñemos, por non saber onde se metían, convidaron a Duncan para facerlle unha entrevista. O certo é que el o pasou coma un anano (do ben que o pasou) e adicáronlle case todo o programa, desde o minuto quince e medio até que a gravación do podcast non deu máis de si. Antes e polo medio, cancións dos John Deeres (lembrade que outra das tres patas do tallo de Contos é o vocalista deste grupo de exquisitez melódica), axenda cultural e recomendacións de Fotografía e Arquitectura a cargo de Héctor Fernández.

 

Falou das súas novelas, de Contos Estraños, da situación da literatura galega (en especial da fantasía) e dos seus novos proxectos. Para quen teña curiosidade e/ou morbo, aquí vos deixamos a devandita entrevista na que solta a lingua a pacer todo cando lle deixaron até o minuto 57:00.

Podcast do programa 9×16 de Recendo.

Espalla o mal