Contos Estraños nº 0 (2ª parte)

Antes de comezar coa segunda parte do artigo adicado ao número 0 – ‘Amañeceres Estraños’, lembremos a relación de relatos e novelas que o compoñían:

contos_estranhos

O ollo do corvo – Xosé Duncan

A morte branca – Manuel Ángel Gayoso

O Tarzán da Mella – David Botana

O home e a súa lágrima – Santiago Bergantinhos

O último minuto – Manuel González

A ardua vida do non morto – Fernando Pérez

As penas de Leopoldo Quintás – Roberto A. Rodrígues

Erro 404 – Manuel Castiñeiras

E mais as novelas por entregas:

Primeiros (1ª parte) – Fabián Plaza

Dark (1ª parte) – Ernesto Diéguez

Na primeira parada da nosa viaxe polas Crónicas Pulpeiras (ou o que vén a ser a historia do pulp na Galiza), centrámonos no volume e nos autores que participaron nel. Porén, non podemos esquecer que todo (ou case todo) comeza no maxín dalguén que o imaxina, que o pensa e que, en moi contadas ocasións, chega a crealo. Eses ‘alguéns’, neste caso, foron Fernando M. Cimadevila e Tomás González Ahola.

Fernando M. Cimadevila remataba de publicar ese mesmo ano o primeiro volume da saga O mundo secreto de Basilius Hoffman, que se convertería no libro máis vendido de Urco, e non remataría o ano sen comezar a serie infantil de As aventuras do apalpador, na que tamén participaba José Ángel Ares no apartado gráfico, e que presentaron no Culturgal 2011 con gran éxito entre a rapazada.

Aínda faltaban dous anos para que Tomás González Ahola publicase a súa primeira novela, Galiza Mutante: Poder Nuclear, mais xa levaba ás súas costas a tradución da colección Gótica de Urco con obras de William H. Hodgson, Bran Stoker, Jack London e H.P. Lovecraft entre outros. Ademais de ser cofundador da devandita editora en 2007, tamén traballa no equipo técnico de Sacauntos Cooperativa Gráfica.

Malia que ese ano, 2011, non estea recollido en case ningún soporte (no eido literario galego) agás nalgunha que outra web, eses meses de verán e outono foron determinantes para que agromase a semente da ‘Xeración Estraña’ e o pulp na Galiza. Este que aquí escribe sempre lembrará aquel serán na Feira do Libro d’A Coruña no que tiven a fortuna de determe na caseta de Urco Editora (creo lembrar que o derradeiro ano que foron por mor das abusivas condicións dos organizadores da feira). Foi grazas a aquela pequena conversa con Fernando e Tomás polo que cheguei a formar parte deste grupo de mentes fantasiosas e impías e, xaora, a comezar a escribir.

Unha vez que xa sabes algo máis dos proxenitores da criatura, falemos co resto de autores dos relatos deste número 0.

Quen es e que relación tes coa literatura?

Manu González (MG): A miña relación coa literatura vén dende moi pequeno. Comencei a ler tebeos e cómics, e logo novelas como O principiño, Momo ou A filla do espantallo. Un libro que marcou a miña infancia e o comezo da adolescencia foi a Historia interminable. A relación coa literatura intensificouse dende a miña entrada nun internado no norte de Navarra. As aventuras e as personaxes de Pío Baroja acompañáronme durante os longos invernos no pirineo navarro.

Fernando Pérez (FP): Son un proxecto aínda de un aquel de querer escribir. Gústanme os libros, gústame todo o relacionado co mundo do libro e da literatura, ao que quixera adicarme nun futuro, espero, non afastado. Non sei… Unha relación de amor-odio? Unha desas.

Roberto A. Rodrigues (RR): Supoño que son fillo do meu tempo. Un licenciado, como tantos outros, que non exerce, e que optou pola saída laboral que a vida lle puxo diante.

A miña relación coa literatura é estreita e constante. Teño esa gran sorte, non sei como poden vivir as persoas que non practican a lectura. Dende cativo veño lendo a diario e dende a adolescencia escribo. Ao principio eran só poemas, despois veu unha obra de teatro, os relatos e, á fin, as novelas.

Por que enviaches un relato a Contos Estraños?

MG: Enviei un relato a contos estraños porque coñecín a Fernando, o editor, e díxome que me animara a envialo.

FP: Pois porque lembro falar, meses antes, do bo que sería que volvesen esas revistas pulp americanas nas que tantos e tantos escritores se deran a coñecer na década dos 30 e dos 40, e do estupendo que sería facer o mesmo e escribir nunha. Así que… en fin, como para non tentalo! Si, quería probarme a min mesmo, sempre me gustou escribir, asi que era una boa oportunidade. Era o paso máis coherente comigo mesmo.

RR: Daquela estaba colgando algúns textos na rede social “Redelibros” baixo o perfil, “a calma podre”. Un día vin o anuncio de Contos Estraños na internet e decidín enviar o máis acaído á publicación. Era As penas de Leopoldo Quintás.

Por qué o enviei? Pois non lembro o motivo con exactitude, supoño que por velo publicado en papel.

Que era o que esperabas acadar coa publicación do relato? Acadáchelo?

MG: O que esperaba era dar a coñecer os meus escritos un pouco máis alá dos meus coñecidos. E creo que o conseguín gracias a este proxecto.

FP: Quería demostrarme a min mesmo que era lexible, así que si, acadeino.

RR: Pois chegar a un maior número de lectores, coñecer as vísceras do sistema editorial e, sobre todo, eu que amo as bibliotecas, darme a posibilidade de atopar de casualidade algún texto meu no medio dun andel de libros. Moveume a vaidade? Si, dende logo, a maior de todas.

Si o acadei? Pois si. Gustaríame ter chegado a máis persoas. O feedback que recibo é máis ben cativo, así que supoño que non teño un gran número de lectores. Aínda que nunca se sabe. Escribir é como guindar panfletos dende un avión, os receptores son sempre incertos.

Que había, como autor/autora, antes de Contos Estraños?

MG: Antes de contos estraños non había nada destacable máis alá da pura afección a escribir.

FP: Un blog no que ía publicando os meus escritos, algúns relatos de ficción, outros máis intimistas, poesía, un caixón desastre das miñas letriñas.

RR: Como xa che dixen. Unha inquedanza no espírito de crear e uns textos subidos a Redelibros. Mais publicar o primeiro relato foi como un fetiche. Logo viñeron máis publicacións e algún que outro premio.

Que houbo despois?

MG: Despois do primeiro relato publicado, volvín publicar con Contos Estraños un libro para nenos chamado Plof, historia dun globo que gracias á editorial, está en todas as bibliotecas de Galicia e en moitos colexios. Tamén se fixo unha obra de teatro baseada no conto e publiquei relatos na revista Uroboros fanzine. Nestes momentos estou preparando xunto a ilustradora Maite Granados, unha novela gráfica titulada Xa non quedan anduriñas, e rematarei nos próximos meses unha novela titulada Anna Borrascosa.

FP: Pois unha nova colaboración con Contos Estraños con A Revolta dos Esfarrapados; un par de relatos máis publicados; dúas colaboracións con outros autores de Contos en dous libros de balde que eran Sombras no Berce e Tebras na Alma, coordinadas por Duncan; e unha asociación cultural, Tinta Bacanal, coa que xa ando a lanzar varios proxectos, como Nihil, un fanzine que imos lanzar agora mesmiño e que vos invito a descubrir.

RR: Despois houbo a ocupación dun baleiro espiritual e as amizades que van agromando no camiño que, de non ser pola literatura, seguramente non tivesen sido posibles.

E até aquí o que deu de si este número 0. Na próxima entrega falaremos do número 1 ‘Anoiteceres estraños’ e que comezaba coa tradición de propor unha temática concreta (nesa ocasión vencellada ao mestre H.P. Lovecraft). Como tamén se iniciou a tradición das xuntanzas para comer, beber e conversar e que, nesa primeira edición, tivo lugar en novembro de 2011 no desaparecido Tatooine de Compostela.

Fonte: Manu González
Fonte: Manu González
Espalla o mal

Deixa unha resposta