Contos Estraños nº 0 (1ª parte)

0
153

A finais de 2011 saíu do prelo o primeiro volume da revista Contos Estraños que foi numerado coa cifra 0 e titulado ‘Amañeceres Estraños’. A diferenza dos seguintes, este número non tivo unha temática definida xa que foi o único, polo menos no 100%, que contou con relatos de achega libre (algo obvio por ser a primeira convocatoria e na que só se fixo un chamamento ao envío de textos de fantasía, misterio ou terror, mais sen determinar unha temática concreta). Foi, tamén, o único no que todos os participantes eran homes (érano no momento de escribiren os relatos e seguen séndoo agora). Veremos que a maioría masculina mantívose nos seguintes volumes e que os editores tentaron resolver esa disparidade co número 5 ‘Verbas de Atenea’ no que se levou o 100% da participación ao campo das autoras. Outra curiosidade máis deste número 0 é que xa nel se instaurou o sistema híbrido de relatos e mais novelas curtas por entregas. Formato que, finalmente, remataría por ser abandonado en prol do volume único de relatos. O deseño da capa era de José María Picón que, malia que non volvería facerse cargo do traballo gráfico até o número 4 de ‘Nadal impío’, converteríase co tempo no ‘portadista’ habitual da revista.

O ‘Volume 0 – Amañeceres Estraños’ estaba composto por:

contos_estranhos

O ollo do corvo – Xosé Duncan

A morte branca – Manuel Ángel Gayoso

O Tarzán da Mella – David Botana

O home e a súa lágrima – Santiago Bergantinhos

O último minuto – Manuel González

A ardua vida do non morto – Fernando Pérez

As penas de Leopoldo Quintás – Roberto A. Rodrígues

Erro 404 – Manuel Castiñeiras

E mais as novelas por entregas:

Primeiros (1ª parte) – Fabián Plaza

Dark (1ª parte) – Ernesto Diéguez

Unha vez presentado este número 0, imos falar con algúns dos autores nun formato de mini-entrevista que repetiremos ao longo de toda a serie.

Quen es e que relación tes coa literatura?

Manuel Ángel Gayoso (MAG): Pois son unha persoa sinxela e corrente, que enfronta o tempo que lle tocou vivir como mellor pode. Licenciado en Historia, traballador ocasional no que vai xurdindo, lector asiduo de temática variada…

Dende a miña infancia adoitei o gusto por ler, libros sobre a natureza e historias diversas. Con sete anos din o paso á escritura, escribindo contos sinxelos, facendo fichas biolóxicas dos animais que atopaba. Lembro os meus primeiros libros de “La Senda de la Naturaleza” de Plesa, Xulio Verne, Emilio Salgari e moitos outros clásicos infantís e xuvenís… lembro que cando nos puñan un fragmento dun libro nas clases de literatura despois ía ler o libro enteiro á biblioteca. Moita morriña.

Continuei lendo e escribindo durante a miña vida académica e laboral, diversificando as miñas afeccións coa Historia, o xénero de aventuras e terror… Durante a miña carreira universitaria escribín varios relatos, suplementos para xogos de rol, e incluso cheguei a publicar algún artigo en revistas como “Insomnia” (xa desaparecida) pero nunca pensei en dedicarme seriamente á literatura. Por riba de todo, leo e escribo porque me gusta facelo, non hai máis misterio.

David Botana (DB): Pois véñoche sendo David Botana, Botana para os amigos, ESE para a familia. A miña relación coa literatura foi desde sempre coma a que un ionki pode ter co cabalo (ou un galego co botelo), un chute e a voar (un quilo e a durmir). Fai unha boa xeira xa que estou intentando drogar a máis xente coa miña merda, pero polo de agora máis que metanfetamina azul veño sintetizando aspirina infantil sabor licorka.

Santiago Bergantinhos (SB): Supoño que desde cativo quixen ser escritor. Lin moita ciencia ficción e algo de fantasía cando mozo e agora algo sigo a ler, aínda que hai moitos anos que sobre todo leo literatura sen etiquetas. E tampouco é tan raro: ultimamente o mundo está tan tolo que xa custa saber o que é realidade e pura fantasía.

Escribo máis ou menos desde sempre.

Adícome a dicir aos computadores o que teñen que facer, sen ter moi claro se algún día non van mudar as tornas. Para a miña sorpresa en 2013 escribín unha novela supoño que postciberpunk ou algo así, e que sairá un día destes en galego.

Por que enviaches un relato a Contos Estraños?

MAG: Un amigo meu, Manuel Castiñeiras, díxome que Urco editora buscaba autores noveis para comezar unha colección de relatos de fantasía, ciencia-ficción e terror en galego. Pareceume unha iniciativa interesante e axeitada para o que quería naquel momento e decidín mandarlles un relato.

DB: Básicamente coñecía a Ferny de antes, un dos editores kamikaces que comezou esta lea, que me dixo: “Oe, ti darías escrito un relato?”
E así foi.

SB: Contactara con eles e con Urco para ofrecerlles, acho que por 2009, unha novela que tiña morta de riso na gabeta criando po unha década. Ao final Carmiña Burana saíu publicada. Penso que foron eles quen me pediron un relato, e deilles varios a escoller. Aconteceu así.

Que era o que esperabas acadar coa publicación do relato? Acadáchelo?

MAG: O certo é que como dixen, nunca pensara en dedicarme seriamente á literatura. En ocasións publiquei algúns relatos de forma anónima ou baixo pseudónimo, pero o certo é que ata o 2011 non decidín dar o paso, e en gran parte foi por casualidade. Elixín “A morte branca”, que xa escribira facía meses cando outro amigo, José Ángel Ares, me pedira unha historia de zombis como inspiración. Agora ben, eu non quería escribir unha historia de zombis ao uso, é un tema moi manido e quería presentar unha idea nova, así que trasladei a historia ao Congo colonial do século XIX, no marco da busca dun tesouro perdido e engadinlle certo toque de horror cósmico, pois o mestre H. P. Lovecraft é unha das miñas principais referencias literarias.

Urco editora seleccionou o relato para o volume 0 de Contos Estraños, e a partir de entón pois seguín publicando na colección, así que supoño que si, que algo acadei.

DB: Supoño que demostrarme a min mesmo que podía facelo. E, por que negalo, éxito, adulación, grupies literarias, xiras, firmas, a adaptación ó cinema (ata tiña pensado o actor principal e todo), unha limusina rosa chea de furc… errr… bueno, realmente conseguín algo que non agardaba de primeiras, un montón de colegas de escrita, amigos de seu, cos que poder desbarrar a gusto. Xa só por iso pagou a pena o esforzo.

SB: Pois non esperaba conseguir fama, cartos revoltos nin un harén de groupies, así que penso que foi todo un éxito. Coñecín unha chea de xente bastante curriña aínda que case só por mensaxes e textos, e iso tamén está ben.

Que había, como autor/autora, antes de Contos Estraños?

MAG: Pouca cousa. A verdade é que a maioría dos meus relatos e artigos previos estaban dedicados simplemente ao meu lecer. O meu público era moi limitado e en ocasións axudaba a algún amigo ou coñecido que precisaba algunha historia ou relato, pero debo confesar que o prefería así e me sentía máis cómodo.

DB: Paro, partidas de rol, contos nas tabernas e moita masturbación.

SB: Pois máis ou menos o mesmo que había antes. Sempre fun un tirador solitario e penso que iso non vai mudar nunca. Volvín tomar contacto coa literatura en galego, iso si.

Que houbo despois?

MAG: Digamos que para min Contos Estraños converteuse nun obradoiro literario. Por unha parte púxome en contacto con autores que tomaban en serio a súa labor, xente estupenda coa que falar de literatura, saír de papatoria e copas ou simplemente pasalo ben. Todo iso deulle unha nova dimensión ao meu xeito de escribir; sigo considerando a literatura como un divertimento e lecer, pero ao mesmo tempo comecei a experimentar con novas ideas, mellorei a miña gramática e atrevinme con xéneros que non tocara antes. Gústame principalmente o terror nas súas diversas vertentes, pero tamén teño tocado o tema da fantasía en relatos como “A cabalgata dos centauros.”

Dende un punto de vista externo debo dicir que tiven unha boa acollida entre a xente que le Contos Estraños, aínda que por suposto, tamén é un mérito conxunto de todos os autores que teñen contribuído á colección. Recibín felicitacións, teño algún fan próximo e mesmo algún lector aportoume algunha idea que lle gustaría ver publicada. Hai en concreto un lector ourensán que devece especialmente polas historias de agroterror ambientadas no interior de Galicia.

E ben, nestes momentos síntome a gusto no grupo de autores de Contos Estraños, aos que alguén xa comeza a chamar “Xeración Estraña”. Atopei un bo ambiente cheo de boas ideas e con boas perspectivas. Que máis se pode pedir?

DB: Máis niveis de masturbación.

SB: Novamente, para a miña sorpresa, escribín unha novela que poderíamos chamar posmoderna. Se fixen ben o meu traballo supoño que me farán persoa non grata en varios países e os frikis do mundo emitirán unha fatwa contra min. Mais como a miña verdadeira especialidade son os worstsellers dubido moito que iso poida suceder.

En xeral teño máis proxectos e ideas que tempo e ganas de facer que se realicen.

 

Na próxima entrega falaremos co resto de autores deste número 0. Non vos perdades a verdadeira historia do pulp na Galiza que deu lugar a unha nova xeración de autor*s, a chamada por algúns ‘Xeración Estraña’. Mirámonos!

Fonte: KindleGarten.es
Fonte: KindleGarten.es

SEN COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA