Todo comezou nunha tarde maldita de agosto de 2011. Fernando M. Cimadevila e Tomás González Ahola achábanse nunha caseta da feira do libro da Coruña, daquelas que semellaban deseñadas para asar un carneiro en cuestión de media hora. Estaban coa promoción de lanzamento de O mundo secreto de Basilius Hoffman. O ladrón de soños, e tentaban enganar os incautos visitantes que, por relixión ou insolación previa, decidiran non ir á praia.
Aínda non se sabe ben se foi pola calor ou polo innecesario churrasco que galdrumaran pouco antes, mais unha idea abrollou case simultaneamente nas poucas neuronas non ocupadas en xestionar aquela dixestión. “Unha revista de literatura fantástica. Un motor. Un comezo para moitas cousas. Un eixo do mal…”
Sen o dubidar un intre máis, improvisaron un cartaz no reverso do formulario de valoración da Feira do Libro, pegárono na fronte da caseta e agardaron. O texto rezaba: “Búscase xente para proxecto literario de fantasía”.
O primeiro en picar foi un corvo feito persoa, de nome impronunciábel e fronte despexadísima aínda que axiña pasou a recibir o nome de Xosé Duncan no mundo dos humanos. Despois del foron caendo máis e máis nas redes daquel proxecto impío: chamadas de madrugada, subornos en forma de churrasco e licor café, ameazas de morte por cúter enferruxado… Todo o mundo quería subirse a aquel carro que aínda apenas nin arrincara.
O demais xa é historia máis ou menos coñecida. O 26 de novembro dese mesmo ano ve a luz o volume 0 da revista Contos Estraños, ao que seguiron moitos outros, ademais de novelas e moitas outras propostas, entre as que hai que salientar a primeira triloxía “rematada” de fantasía épica en lingua galega, da man dese señor-corvo que se mencionou hai un bocado.
O tempo foi pasando e foise producindo un sorprendente proceso inversamente proporcional relativo ao volume corporal de Fernando e o pelo de Tomás. As raves con cubatas e pulpo, os iates de luxo, o licor café colombiano, o churrasco de contrabando… Todo aquilo foi mirrando aquel castelo de fantasía, até que o 19 de xuño de 2015 Contos Estraños anunciaba que pasaba a se converter nun selo de Urco Editora, o seu fogar natural, por outra banda. O diñeiro xa non daba para tratamentos dietéticos nin para implantes capilares.
Durante dous anos Contos Estraños foi un selo máis dentro da maquinaria de Urco. Foi un período en que viron a luz varias obras, principalmente números da revista e libros infantís. Porén, en xuño de 2017, probabelmente por mor dun churrasco en mal estado (iso tamén explicaría o nacemento da editora), Fernando e Tomás, xa superados psicoloxicamente senllos problemas de alimentación e alopecia, deciden iniciar unha terceira etapa. Contos Estraños convértese entón na Asociación Editorial Contos Estraños para iniciar un novo camiño por si propia.
Á fin, logo de pasar por múltiples fases, ese monstro multiforme cuxo nome homenaxea a mítica Weird Tales de Lovecraft, Howard e Smith, pasa a integrar no seu seo algunhas das persoas que viron o seu nacemento, onde cabe mencionar aquel corvo feito persoa.
O motivo de se tornar nunha asociación sen ánimo de lucro? En realidade son dous.
O primeiro: contribuír sen a interferencia do Capital na construción dunha literatura fantástica en galego forte, poderosa e sen barreiras nin censuras
O segundo: Non existe maior lucro neste mundo que FACER O MAL.