19 Xaneiro, 2016 –
Xosé Luís Franco Grande presenta este xoves ás 20h na Casa do Libro o seu novo pomeario acompañado de Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, e Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia
A traxectoria poética de Franco Grande caracterízase por estar artellada sobre a unidade e a recorrencia. O transcorrer do tempo en calquera dos seus aspectos, a vida pasada, sobre todo a infancia, o interese polo efémero, o anuncio da morte, a soidade... constitúen o fondo dos seus poemas. O poeta endexamais deixa de reflexionar sobre si, cunha voz na que domina o ton confesional e unha linguaxe que busca a autenticidade.
Como salientou a crítica, especialmente X. L. Méndez Ferrín, case toda a obra de Franco Grande ten un tema central: a vivencia do propio “eu”, en distintos estadios de desleixamento do mundo. Nese senso o seu texto poético é unha mística da soidade. Como os místicos, escolma unha fala simple e recorre ao símbolo e mais á exclamación para comunicar vivencias inefables.