9 Marzo, 2016 –
Francisco Castro presenta o seu novo libro, Amor é unha palabra coma outra calquera, o mércores día 9 de marzo ás 20h na librería Cronopios, acompañado pola investigadora Malores Villanueva e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes. Agradecémosvos, como sempre, a axuda na difusión. Tedes á vosa disposición a capa do libro, unha fotografía do autor (por favor, asinádea, é de Cristina Brea) e unha lista de spotify, coas cancións que acompañan a lectura da novela. Se necesitades máis información, recibir o libro ou axendar algunha entrevista, non dubidedes en contactar.
Amor é unha palabra coma outra calquera... ou non. Carla, a protagonista desta novela, organiza a vida arredor do amor, do seu amor, do amor co que vive, do amor que soña, do amor que lle falta. O amor aprendido nas películas rosa, nas cancións melódicas, nas novelas cursis. Carla, en definitiva, organiza a vida arredor de seu home, pero, que acontece cando ese centro de gravidade un día colle a porta e marcha?, e que acontece se, ademais, un cadáver aparece dentro da casa para acabar de darlle a volta a todo? Unha novela de amor contra o amor.
Porque amor é unha palabra coma outra calquera. Ou non.
Francisco Castro naceu en Vigo en 1966 e é escritor e editor, así como colaborador en prensa e televisión. Publicou libros para todos os chanzos de idade. Entre outras obras, escribiu Spam (premio Blanco Amor de novela 2005) e, para pequenos, Chamádeme Simbad (Lista de Honra de IBBY, 2012); en colaboración con Fina Casalderrey, O neno can (Lista de Honra de IBBY - Oslo, 2014), así como a exitosa Tes ata as 10. Posúe os premios máis importantes da literatura galega e a súa obra está traducida a varias linguas, entre outras, o portugués de Brasil e o italiano. Pioneiro no uso das redes sociais como ferramenta de comunicación coas lectoras e lectores, desenvolve unha intensa actividade a través do blog, A canción do náufrago (http://franciscocastro.blogaliza.org), do seu perfil en Twitter (@chamademesimbad) e na súa páxina de Facebook.