Visitantes de alén da Lúa
Alén da lúa é o máis lonxe que os nosos antepasados eran capaces de imaxinar. Ese círculo de luz prendido no ceo semellaba o obxecto máis afastado co que alguén puidese soñar. Alén da lúa só podían existir as estrelas e, nelas, as divindades, eses seres inescrutábeis e todopoderosos, creadores de canto nos rodea e, xaora, de nós. Co paso dos séculos e o avance da tecnoloxía fomos quen de axexar máis alá do noso satélite e ampliamos o limiar do espazo coñecido uns cantos anos luz. Non atopamos deuses, nin tampouco vida. Polo menos o tipo de vida que desexabamos, o tipo de seres que conseguirían que deixásemos de sentirnos sós no universo. Porque, malia vivir nun planeta superpoboado, sentímonos sós e incomprendidos nesta tumultuosa soidade de nós mesmos.
Supoño que a soidade vén dada pola vergonza que nos provoca o que fixemos con este planeta, polas letras de lume, sangue e morte coas que escribimos a nosa propia historia. Escusámonos co soño de que,se existise alguén máis aí fóra, teriamos unha segunda oportunidade para ser mellores e abrazaríamos a eses visitantes de alén da lúa para que nos acompañasen nunha nova viaxe. Nunha viaxe que sería a boa, a definitiva. E, mentres agardamos pola súa chegada, contentámonos con seguir vivindo coma se todo fose eterno, coma se o mundo non se deteriorase nin enfermase co noso macroconsumo. Porque, cando as nosas vidas só duran un segundo no reloxo de vinte e catro horas que é o mundo, non semella lóxico pensar que o mundo durará para sempre?
Talvez a conta atrás xa comezou hai moito, mesmo pode ser que esteamos no derradeiro segundo do noso tempo. Se fose así, os nosos convidados chegarían demasiado tarde. Se fose así, xa daría igual que esteamos sós ou non.
Imaxinádevos na sala de espera da Apocalipse con este libro nas mans e soñade con nós como sería o encontro con eses visitantes de alén da lúa.