O cubil das letras de… “Jorge Emilio Bóveda”

Meu cubil está na bufarda da casa na que vivo. Ten andeis con  libros non rigorosamente clasificados inda que sigan unha disposición de certa lóxica. Amoreo libros en galego, inglés, portugués e castelán, e meus temas predilectos son a historia, divulgación científica, narrativa galega, narrativa española dende o século XVIII en diante, literatura sudamericana, cine fantástico, esoterismo, filosofía, pedagoxía, filosofía, novela negra, ficción científica…

Para min é máis importante ler ca escribir. Inda que ás veces resulte difícil por mor dos ditados da vida. Procuro alimentar a biblioteca con certa periodicidade e a medida que os ingresos mo permiten.

Nun dos andeis gardo os cadernos con todos meus traballos literarios, xa que o primeiro borrador de cada obra é escrito sempre a man, con estilográfica ou bolígrafos de tinta líquida.

Pero, inda que este lugar semelle o tobo ideal para un creador, o certo é que miña dispersión me obriga a levar libros e cadernos pola casa adiante,  recalando no dormitorio, no cuarto de baño, na cociña ou no coche. Sendo o zulo o singular Heorot ao que regreso todas as noites para facer memoria e alimentar o esquecemento. É así.

fotografía: Jorge Emilio Bóveda
Espalla o mal

Deixa unha resposta