Ucronía, distopía, retrofuturismo, steampunk… Gran cantidade de termos para xéneros literarios que, talvez, tentan narrar cousas moi semellantes de xeitos moi parecidos. Por que non é o futuro un gran horizonte espallado ante nós, cheo de esperanzas, de medos e de misterios? E, tamén, non é o pasado unha colección de lembranzas e de imaxes que gustariamos de preservar para sempre? Preservalas mesmo até ese futuro que, por moi malo que poida chegar a ser, pensamos mellor que o presente que nos tocou vivir. Supoño que é unha constante en toda actividade creativa, en todas e cada unha das variantes da arte. Ese descontento do artista, ese fastío absoluto, coa época na que paseamos a nosa breve vida polo mundo e esa necesidade de imaxinar, de soñar, con algo mellor ou, cando menos, diferente.
A miña primeira achega ao xénero do steampunk foi hai dezaseis anos cando se publicou o cómic Steampunk no ano 2000 e se converteu nunha das miñas compras mensuais ineludíbeis na xa desaparecida Norma Cómics da rúa San Andrés. Con guión de Joe Kelly e ilustracións de Chris Bachalo, non deixaba de ser a típica historia de amor e de sacrificio do heroe pola súa amada mais atrapábate inmediatamente. Captaba a atención d@ lector@ coas súas ilustracións, a ambientación do escuro Londres vitoriano dominado polo malo-malísimo Lord Absentha, o vestiario e, xaora, os xigantescos enxeños mecánicos movidos por vapor, tan mastodónticos e brutais como imposíbeis para unha enxeñería real.
As definicións de Steampunk que podedes atopar na Internet destacarán todas o mesmo. A súa estética do século XIX, preferibelmente na Inglaterra vitoriana, unha ambientación saída de calquera novela de Arthur Conan Doyle ou de H. G. Wells e o uso xeneralizado de enxeños mecánicos (con cantos máis resortes, parafusos e engrenaxes mellor) co vapor como fonte de enerxía e empregados en actividades e tarefas máis propias do noso futuro que dese pasado século XIX. Como vedes, collemos o máis engaiolante e atractivo do pasado e o situamos nun futuro alternativo, distópico e fantasioso. Unha mestura inmellorábel. O Steampunk converteuse en todo un fenómeno, tanto a nivel literario como a nivel de fans e de afeccionados ao cosplay. Deixou unha pegada moi fonda nos lectores e lectoras das últimas xeracións e, ademais, estendeuse polo cinema, polos videoxogos (cantas boas horas pasei na ucronía de BioShock) e, como dicía antes, pola banda deseñada. Particularmente sempre o atopei moi, moi atractivo e, malia que nunca me atrevín a escribir unha novela deste xénero, non podo negar que o Mestre Reloxeiro d’As Crónicas de Bran e o seu enorme barco de madeira e metal, movido por un corazón de vapor, non estea influenciado polos poderosos bufidos desas imaxinarias máquinas vitorianas.
Aínda así, como o meu non foi máis que un amor de verán, é mellor que nos fale do xénero alguén que si o traballa e que o coñece en profundidade. Hoxe temos con nós a Josué Ramos.
Quen é Josué Ramos?
Un rapaz que, dende que chegou a este mundo, ten o feo costume de querer saber como funciona todo, de onde ben, que había antes de que el chegase e que haberá despois.
Lector dende que aprendeu a ler e escritor dende que aprendeu a escribir. Agora mesmo, teño catro novelas publicadas e varias antoloxías, todo de temática fantástica, pero na súa maior parte de ambientación retrofuturista. Son un grande afeccionado ó steampunk dende 2009.
Cando comezaches a escribir, por que e cal foi o xénero do teu primeiro texto?
Comecei a escribir ós 16 anos, no Instituto. A resposta sinxela e curta é que tiña unha profesora de Literatura que se preocupou ben por inculcar en min o gusto pola lectura e a escritura, e terminou por facerme crer que o facía ben. A gana de comprobar se era certo o que dicía levoume a escribir un relato histórico para un concurso nacional. Como gañei o primeiro premio, quedei convencido.
A resposta complexa, e mais fiel a realidade, é que a lectura de autores ós que admiraba, as circunstancias da vida e a miña propia forma de ser me levaron irremediablemente por ese camiño. Hai un tempo lin que os escritores pódense cualificar en varios tipos segundo o motivo polo que se botaron a escribir.
Segundo aquel libro eu son un escritor «de cama».
Unha larga convalecencia converteu a escritura nunha terapia e, pouco a pouco, nunha necesidade. Supoño que é algo que sempre levei dentro.
Como lle explicarías o que é ‘steampunk’ a alguén que se achega por vez primeira a este xénero e cales son para ti as súas características máis definitorias?
Se non teño gana de falar diría que vise Wild, Wild, West. Con iso, todo o mundo fica contento.
Se hai que mollarse, diría que en literatura non é mais que continuar a idea de autores como Jules Verne ou H. G. Wells. A diferencia radica en que hoxe temos un punto de vista diferente do que foi o século XIX. Para eles era o presente e facían especulación dende aquel tempo. Nós xa vimos o que foi o século XX e estamos vendo o que é o XXI, polo que xa non especulamos, senón que miramos atrás con outros ollos. Por unha banda para repasar que fixemos mal e, por outra, para recordar o que fixemos ben ou como nos gustaría que tivese sido.
En calquera caso, algo que sempre quero recalcar é que non debemos perder de vista ese sufixo —punk que herda do cyberpunk. O steampunk é moi visual e moi pulp, pero non naceu con esa intención, naceu coa mesma intención que o cyberpunk. De feito, unha das primeiras obras, alá polos marabillosos 80 do século XX, foi cualificada polo seu autor como cyberpunk vitoriano. Por algo sería.
Non o están a converter en algo pasaxeiro, e mesmo frívolo, tanto ‘fan’ e tantas reunións de xente caracterizada? Quero dicir que non se ve moita xente disfrazada de Cthulhu ou de gato negro… Pensas que o ‘steampunk’ é un xénero con capacidade de evolución, tanto en argumentos sociais e futuríbeis, ou ten uns patróns demasiado marcados e definidos como lle acontece á fantasía épica?
Persoalmente, creo que xa é algo frívolo e por iso non termina de calar como é debido na literatura. E non por culpa de reunións de xente caracterizada ou por ter fans. Mais ben é pola evolución que tivo xa no mundo anglosaxón no século XX ó volverse mainstream, como din eles. Non esquezamos que o steampunk naceu na literatura coa intención clara de servir de reflexión, como facemos tamén coa ciencia ficción e a anticipación. É o aspecto visual do steampunk e a superficialidade coa que é tratado polos fans que non van máis aló do seu carácter tan visual (que son lexión) o que lle fai tanto ben, ó facelo popular, como mal, converténdoo moitas veces en algo anecdótico.
Nos textos, sempre se ve a tendencia a cargar a historia na estética (vapor, engrenaxes, latón, maquinaria…) deixando de lado os argumentos de peso; convertendo as novelas en bombas de palenque. É aí onde debiamos cargar máis. Por iso me gusta tanto, por exemplo, o steampunk multicultural, o que cultivan sobre todo os emigrados de segunda xeración que viven en Estados Unidos ou Reino Unido. Eles senten que perderon a identidade dos seus pobos ó seren colonizados e ven ó todopoderoso Imperio Británico do século XIX e ó Imperialismo e a súa belicosidade que tanto “promove” ás veces o steampunk con outros ollos.
Temos falado nalgunha ocasión de ucronías e retro-futurismo, non deberían ser estes os xéneros literarios principais e o ‘steampunk’ unha variante ou vertente deles?
Así é, de feito. O steampunk é un tipo de ucronía e o rei do retrofuturismo. Así e todo, non todo o steampunk é retrofuturista, xa que non sempre se ambienta nun XIX alternativo. É aí onde está o seu terreo pantanoso, derivado da súa evolución e a experimentación ó longo dos anos, o que moitos prefiren renegar para evitar dores de cabeza.
O steampunk é tan maleable e abarca tanto que segue sendo difícil de cualificar.
Chámame tolo mais penso que o éxito do ‘steampunk’ está en que é unha especie de ciencia ficción que podes escribir sen ter grandes coñecementos científicos…
Non o digas moi alto, pero eu sempre digo que se ó ler fantasía ves algo que non entendes, o autor dirá que o fixo un mago; eu escúdome en que se ves algo que historicamente non cadra é que é parte da ucronía. Falando en serio, todo depende da obra e da intención do autor. Agora mesmo, a ciencia ficción xa non é como na súa Idade Dourada, na que Asimov, Clarke e Heinlein eran os grandes e había que ter grandes coñecementos científicos para escribir ciencia ficción. As cousas son diferentes agora, non só no steampunk.
Con todo, tampouco é como se pensa, que só hai que botarse á novela e escudarse na ucronía para facer o que che pete. O steampunk é como o resto da ciencia ficción, hai niveles de “dureza”, pero non quita que o novelista teña que facer a súa documentación en ciencia, historia, usos e costumes… Aí está o caso de Manuel Moledo con As aventuras de Margaret White. Aínda que se sentise máis libre na maioría das escenas, non creo que non tivese que estudar e documentarse ben para facer certos capítulos da obra.
Sempre remato así as entrevistas e non sería eu se non o fixese… Como ves o panorama galego de fantasía e ciencia ficción?
Esperanzador? Crecín coas lecturas impostas no colexio de certas editoriais e durante anos pensei que non había máis fantástico en galego fóra delas. No instituto, xa coa idea de querer publicar en galego, vía que ese plan se poñía costa arriba e cada vez máis inalcanzable fóra de ter un golpe de sorte. A aparición de novos selos nos que publicar fai posible que xentiña coma min poidamos publicar as nosas tolerías. Steampunk en galego e ambientado na Coruña? Veña, non había quen o crese hai uns anos! Pero agora é posible. Non sei o que nos deparará o futuro (non fago mais que mirar ó século XIX) pero, de momento, polo menos temos un sopro de aire fresco.
Imaxes: Josué Ramos, Xosé Duncan.