Traballo de fronte á lingua de mar que, conforme aos libros, foi atravesada por Cristovo Colón antes de ir dar coa súa febre de conquista ás Américas. Entre outras embarcacións sobranceiras fenderon tamén estas augas o Golden Hind de Sir Francis Drake e o Beagle de Charles Darwin (Charles Darwin a secas).
Por aquí pasou tamén Jonay, cego de amor, na procura de Gara. Juan Primo, misterioso personaxe que dá nome ao violento brazo de mar que agochan as augas da foto. E centos e centos de canarios que, no século pasado, ateigaron os barcos fantasma con dirección a Cuba e Venezuela, nun xérmolo primixenio desas pateras que agora reciben estas latitudes, vindo confirmar que a vida é unha simple cuestión de ida e volta.
E eu, emigrante tamén, ao non ter barco, nin título de cabaleiro, nin ansias de conquista, confórmome con ir parindo as miñas obras diante deste idílico lugar que semella terse espreguizado no Atlántico para conforto das almas bulideiras.
Roberto A. Rodrigues na galipedia
Ficha de Roberto A. Rodrigues na páxina web da AELG