Inauguramos novo contido para celebrarmos o Día da Ilustración na Galiza e facémolo cunha das novas promesas do noso país, José Ángel Ares. Isto é o que nos conta del. Lede, ollade, e xulgade vós mesmas.
Ola. Chámome José Ángel Ares García e son debuxante.
Comecei debuxando nas paredes da casa e despois comprendín que facelo en papel sería máis práctico e axudaría a ter mellor ambiente familiar. A partir daquela todo foi debuxar sen parar até que, logo de entrar no mundo da Internet, comecei a invadir o tempo de quen se foi deixando, por medio dun blog no que subía os meus avances, á vez que fun coñecendo profesionais e autores de diferentes partes do mundo.
Que bos tempos aqueles! Todo era ilusión, todo estaba por descubrir. Mesmo semellaba que estaba a debuxar con xeito.
Pasados os anos descubro que non, e que, alén de non parar de debuxar, tamén é preciso afastarse da zona de confort que resulta a crítica amistosa.
Comezo a colaborar con xente en tiras cómicas, debuxos soltos para artigos e algo de banda deseñada.
Vin resultados pola primeira vez ao dar o salto profesional cos currantes de Urco Editora , que me propuxeron ilustrar a portada e os interiores dunha antoloxía de relatos sobre Solomon Kane, de Robert E. Howard, en 2010.
Á fin desembarco no mar de papel e continúo a facer portadas e ilustracións para antoloxías como Contos Estraños ou Ilusionaria.
Subo o nivel ao me encargar da portada e os interiores da serie de libros infantís «As aventuras do Apalpador», co escritor Fernando M. Cimadevila, de Contos Estraños editora, case ao mesmo tempo que dou o salto á BD profesional con Rosa y Javier, de Paco Hernández no ano 2013 para Edicions De Ponent.
A partir de 2014 retomo a tira cómica na Internet con «Draw it yourself», bandas deseñadas breves para a antoloxía dixital Magnificent 7+1, ilustracións para diferentes frontes como o disco … On Stage de David Regueiro, dous dos tres libros que conforman a triloxía As Crónicas de Bran, de Xosé Duncan, a exposición na Universidad de Deusto «Lekuan-lekulo Mitoloxías», storyboards para a película El Desconocido, de Daniel de la Torre, e a miña segunda BD profesional Bitcoin: la caza de Satoshi Nakamoto, xunto a Josep Busquet para Dibbuks.
En 2015 repito con Busquet e realizo a miña terceira BD, Independencia?, alén de me encargar das portadas da liña xuvenil de Urco Editora.
Durante 2016 sairá á venda a miña cuarta BD: El rey de la Carretera, para Aleta Ediciones.
Se o mundo non acaba, seguirei a dicir se todo isto foi para ben ou para mal. ..